Segundo relata o cronista latino Ptolomeo o monte Vindio sería o lugar no que se chegarían a refuxiar as tribus cántabras no ano 26 a.C. tras a batalla de Berxida contra os invasores romanos. Moitos estudosos situaron este Monte Vindio en concreto en Peña Santa, especialmente atendendo á súa etimoloxía, xa que “vindio” quere dicir “branco” en celta e pénsase que esta cor faría alusión aos cumios nevados dos Picos de Europa. En honor a esta mítica montaña en tempos recentes as federacións de montaña de Castela-León, Asturias e Cantabria deseñaron unha travesía montañeira que une en catro xornadas os refuxios do macizo occidental de Picos de Europa que se deu en chamar dende sempre macizo occidental ou do Cornón. E como topónimo primitivo e orixinal debería ser o que, ao meu modo de ver, deberiamos utilizar maiormente, á marxe da marca comercial Anillo Vindio; travesía ou “anillo” do Cornón.
E alí fomos nós a comezos de xullo do 2022 fuxindo do “mundanal ruído” e das nosas existencias urbanitas e azarosas a percorrer estes gratos espazos. Este “nós” que incluía neste caso a Itziar, Vale, Javier, Quique e máis eu convocados polo noso en principio guía pero amigo á postre, Nacho. Foron catro xornadas intensas de actividade física e emocións.
1ª xornada. Caín- Vega de Ario.
Ceo entoldado e ameazante de choiva. Comezamos a xornada percorrendo o tramo incial do popular e mítico sendeiro do Cares polos túneles que atravesan a caliza pola marxe esquerda do río, unha vez pasado o encoro de Caín . A penas á media hora de camiñata damos coa entrada da canal de Trea, que comezamos a ascender por un sendeiro pouco marcado entre escasas árbores. Xa mediada a canal, e tras pasar unha fonte na que nos surtimos da fresquísima auga que manaba, a néboa meteuse na canal e xa non nos abandoará no que quedaba de camiñata ata chegar ao refuxio. Superados os máis de 1000 mts da canal e no cruce que nos indica a proximidade do refuxio pola á pradería da Vega de Ario á nosa dereita, e o punto de partida da ascensión ao Jultayu á nosa esquerda contemplamos a posibilidade de facer un ataque rápido á montaña. A dúbida resolvémola con rapidez ante a invisibilidade da mesta néboa e a ameaza de tormenta que se albiscaba. E seguimos camiñando cara ao refuxio que non conseguiremos ver ata case que dar de narices con el, dada a escasa visibilidade. E ao pouco de acomodarnos na estancia destaouse unha breve pero violenta saraibada desas que fan tremer as montañas e aos montañeiros. Nós, quentes e aliviados dende o comedor do refuxio, escoitamos os trebóns e viamos a caída do pedrizo aí fóra, no mundo.
Datos. Distancia : 9 kms; desnivel positivo; 1500 mts, ; desnivel negativo: 200 m. ; duración: 6 horas
2ª xornada. Vega de Ario – Vegarredonda.
A néboa segue cercando a veiga do mesmo xeito que a tarde anterior. Non madrugamos en exceso porque esta xornada será a máis breve e de menor desnivel a vencer de todas. E emprendemos a marcha polo camiño máis curto en percorrrido pero máis incerto e inseguro en canto a orientación. Aínda que falar de camiño neste caso sería utilizar un termo máis ben impropio xa que esta opción, que evita a baixada aos lagos de Covadonga mantendo sempre unha altitude máis ou menos invariable por zonas altas, percorre un territorio de pequenos jous e un mar de pedra caótico na que a duras penas nos consiguen orientar algúns jitos e por suposto a intuición montañeira ( e o GPS) de Nacho. Ao pouco de saírmos do refuxio en ascenso, e antes de chegar á Vega de Aliseda, empezaremos a deixar aos nosos pés a néboa para gozar xa o resto do día dunha luminosa e inesquecible xornada montañeira. Xa pola tarde, perdendo altura ao baixar pola canal que nos levará ao refuxio de Vegarredonda, volveremos de novo a mergullarnos no mar de néboa que conseguíramos evitar ata o momento. Ao final da xornada no refuxio chegarían a comentarnos outros grupos que optaran pola variante dos lagos, máis baixa que a nosa, que non foron quen de ver o sol en todo o día. O roteiro elevado, como adoita suceder, foi a mellor opción.
Datos. Distancia : 8 kms; desnivel positivo; 450 mts, ; desnivel negativo: 650 m. ; duración: 6 horas
3ª xornada. Vegarredonda – Vegabaño.
De novo néboa na hora da saída. Etapa máis alta e de máis fortes desniveis de toda a travesía. E tamén a máis longa e variada de paisaxes. Este día madrugamos máis que os anteriores e ás oito estamos xa comezando a andaina. Trátase de subir ata o Collado les Merines para bordear inicialmente o macizo de Peña Santa pola súa parte oeste ata chegar a súa altísima e vertical parede sur, xa en Vega Huerta. Esta subida percórrese por unha ancha pista construída a conciencia con muros de pedra que salvan os desniveis e matinamos sobre a súa posible orixe e usos, dado que non une núcleos poboados nin lugares coñecidos. E o sol esplendoroso reaparece de novo nestas zonas altas. A partir deste collado sorteamos algúns neveiros resistentes aos rigores estivais que quedan nos jous Lluengo e Las Pozas e nun ambiente impresionantemente alpino acadamos sen maiores atrancos Vega Huerta, a carón do pequeno refuxio de recenté reconstrucción. Son as horas de máis calor de toda a travesía, aínda que nunca excesiva, e o refresco da fonte agradécese. Paramos un ratiño a xantar. Vencidos xa os desniveis positivos máis salientables, pola tarde xa só nos queda retomar a travesía polo Camino del Burro que desemboca na Canal del Perro. Neste punto Javier e Itziar deciden emprender o descenso directamente mentres o resto do grupo atrevémonos a emprender un ataque rápido ao cumio dos Moledizos que albiscamos próximo á nosa esquerda, a tan só 200 mts. por riba. Nunha media hora subimos e baixamos e retomamos a travesía descendendo pola canal onde nos vemos de novo sumerxidos na néboa. Entre brétemas e nun ambiente fantasmagórico e máxico percorremos o umbrío bosque de faias que dá acceso ao refuxio de Vegabaño. Xornada moi física, algo técnica, dura e intensa pero reconfortante de vivencias e lembranzas .
Datos. Distancia : 18 kms; desnivel positivo; 1200 mts, ; desnivel negativo: 1400 m. ; duración: 9 horas
4ª xornada. Vegabaño – Caín.
Esta xornada discorre xa por zonas máis baixas e boscosas pero afortunadamente as néboas disipáronse e puidemos gozar do sol durante todo o día. Non deixa de ser habitual que nesta vertente sur leonesa do macizo a climatoloxía sexa algo máis benigna e luminosa que na parte asturiana. E subindo dende o refuxio ao porto de Dobres por monte baixo cruzamos finalmente ao val de Valdeón ( vala a redundancia) . Dende aquí xa non subiremos máis polo que xa só nos quedaría emprendermos o descenso ata Caldevilla polo medio dun sombrío e fermoso bosque de faias, que en no val leonés é a árbore raíña e señora. Todos os montes que acadamos coa ollada dende o porto aparécensenos inzados destas fermosas e case que máxicas arbóres. Chegamos a Posada onde recobramos forzas comendo uns bocadillos na terraza dun bar da praza e continuamos o descenso cara a Caín evitando a estrada asfaltada por un camiño que discorre paralelo á mesma. Para facer un pouco máis completa esta xornada, en principio a máis doada e levadeira, no Mirador del Tombo, pouco despois de pasado Cordiñanes, desviámonos á esquerda pola parte inicial da Canal de Capozo co fin de acceder ao nacente da Farfada, un inesperado furado na parede caliza do que emerxe un potente manancial. E dende aquí baixamos monte a través polo bosque de faias (outro máis) que nos devolve á estrada e ao roteiro orixinal, xa a escasos 3 kms. do noso destino final en Caín.
Datos. Distancia : 20 kms; desnivel positivo; 250 mts, ; desnivel negativo: 1150 m. ; duración: 8 horas
E o círculo, comezado catro días antes, pechouse cando nos acomodamos de novo no albergue “El diablo de la peña”de Caín. Despois de deixar as mochilas nas habitacións baixamos a terraza e sentámonos nunha mesa da terraza onde pedimos as sempre devecidas e nunca mellor merecidas cervexas. Alguén do grupo, probablemente eu, nun supiro nacido do máis fondo do que para entendérmonos poderíamos denominar alma, deixou caer sentencioso: “!A vida debería sempre parecerse a esto!.” E erguendo todos as copas cara ao Jultayu e os altos cumios que nos acubillaban xenerosos, brindamos polas montañas, pola amizade e pola vida.
Fernando Gómez Montiel.
Grazas, Fernando, pola compañía e polo relato. Un saúdo montañeiro.